Cambian a construción en Suíza polo marisqueo na ría de Muros
A Secretaría Xeral de Emigración mantén aberta unha liña de axudas ao emprendemento para emigrantes retornados
Querían regresar de Suíza, a onde emigraron hai arredor de oito anos, para poder emprender unha nova etapa a carón da súa familia e na casa. Así que Francisco Javier e Martín deixaron a construción un e o mantemento de edificios o outro e retornaron para abordar un novo reto. Asociáronse e mercaron un barco co que agora marisquean na ría de Muros.
Os dous explican que tiñan claro que querían volver, que a súa idea era aforrar para regresar e montar algún negocio. O seu xurdiu porque a familia de Martín dedícase ao marisqueo e convencéronos.
Levan menos dun ano saíndo pescar co Segundo Bogavante, que adquiriron coa axuda económica da Secretaría Xeral de Emigración.
O secretario xeral de Emigración di que a Xunta quere, con esas axudas, apoiar os emprendedores nos momentos iniciais, "cando todo custa máis, cando hai só gastos e non ingresos". Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, amosou a súa satisfacción por iniciativas como esta e asegurou que "hai unha actividade de moito futuro para moitos máis mozos que queiran vir".
Comezaron, ademais, en plena pandemia e, aínda que as cousas non están no seu mellor momento, tampouco no marisqueo, as actividades relacionadas coa alimentación foron as que aguantaron mellor o tirón.
"Este ano dá para vivir, pero hai que traballalo", resumen.
O prazo de solicitudes das axudas ao emprendemento da Secretaría Xeral de Emigración estará aberto ata finais de setembro.