CRTVG

Buscar

Cambados retrocede a nivel medio por incumprimentos en celebracións familiares

Publicado o 01/07/2021 14:16

Cambados é un dos seis concellos da área de Pontevedra que asume novas restricións pola subida na incidencia. Neste caso, o gromo non está relacionado coa viaxe dos estudantes a Mallorca, pero foi un pau grande nun concello que xa estivera perimetrado practicamente todo o mes de maio.

"A verdade é que estamos cunha frustración tremenda. Pasamos un mes de maio realmente terrible. En xuño pois semellaba que a cousa xa se abría", explica Tiño Cordal, o tenente de alcalde e concelleiro de Sanidade.

A data de 1 de xullo, Cambados asume as consecuencias dun novo paso atrás nas restriccións. Sófrenas especialmente na hostalería, que só poderá abrir en interior ao 30 % e nas terrazas ao 50. Ademais, Cambados, coma o resto dos concellos con restricións adicionais, 11 en total, terá pechado o ocio nocturno. Están prohibidas as verbenas e os bares e restarantes teñen que deixar de servir ás doce da noite.

Na vila hai agora 17 casos activos, coa incidencia a sete días por riba de 100, a consecuencia dunha sardiñada de San Xoán e unha comuñón. Unha das festas foi nunha parroquia de Vilanova, pero deixa infectados na capital do albariño.

Confían na vila en que a transmisión se deteña coas corentenas e que a economía local, moi centrada no turismo, se recupere ao poder celebrar con normalidade as festas do verán.

Noticias web

01/07/2021