CRTVG

Buscar

Medran os contaxios en Cambados, candidato a máximas restricións

Publicado o 03/05/2021 15:05

"Penso que houbo certo descoido nas reunións familiares e a irresponsabilidade de uns poucos, pois aféctanos a todos", fala Tino Cordal, tenente de alcalde e concelleiro de Sanidade.

"Estamos xa sentíndonos un pouco agoniados, estamos pensando que en nada vannos pechar outra vez perimetralmente e, en fin, que isto non dá acabado", comenta Xulia Cores, a propietaria dunha tenda de decoración e manualidades.

A sombra dun peche planea sobre Cambados. É a decisión que todos temen.

"Eu creo que sería o último capotazo, porque si que é certo que a xente da vila intenta comprar na vila, pero un 70 % é xente de fóra", informa Mariana Lorenzo, propietaria dunha tenda de deportes.

"Cambados necesita a xente de fóra e a xente de fóra necesita a Cambados", sentenza Xulia Cores.

Hostaleiros e comerciantes senten que fixeron ben os seus deberes, cambiando incluso os modos de traballo.

"O meu home e mais eu somos os que servimos, somos os que tocamos e os que manipulamos o que nos piden. Buscamos unha forma de traballo, así, adaptándonos, que tamén nos prexudica dentro do que cabe, porque non é o mesmo ter a xente dentro da tenda que atendela así", explica Elena Núñez, que rexenta unha froitería.

"Estamos facendo cribados, estamos extremando medidas, parece ser que ademais o que temos é a variante británica que se contaxia dun xeito máis doado e esperemos que dentro dunhas semanas poidamos superar isto e que o mes de maio sexa o último mes duro da pandemia en Cambados", desexa Tino Cordal, tenente de alcalde e concelleiro de Sanidade.