CRTVG

Buscar

Cambados consegue controlar os contaxios e deixa atrás as restricións

Publicado o 02/06/2021 16:48
Cambados consegue controlar os contaxios e deixa atrás as restricións

Cambados pasará o sábado ao nivel medio-baixo de restricións, onde xa están o resto dos concellos da Arousa. A mellora dos datos foi drástica no último mes, pasaron de estar pechados a estar practicamente libres de covid.

Boas novas en Cambados, que logra dobregar o virus e se prepara xa para unha fin de semana coas restricións mínimas. Fátima Abal, alcaldesa de Cambados: "É unha moi boa noticia, para a cidadanía, o comercio e, sobre todo, a hostalería, que vai poder ampliar ocupación".

Alivio entre os veciños e tamén entre os hostaleiros, que poderan servir a un 75 % da ocupación na terraza e ao 50 % dentro despois dun ano para esquecer.

A vida comercial, deportiva e cultural resucita na vila. Mañá mesmo inaúgurase o Museo Ramón Cabanillas, volven os concertos e confírmase que haberá Festa do Albariño, pero será diferente. Tino Cordal, concelleiro de Sanidade e Cultura de Cambados: "Haberá catas profesionais no Parador e túnel do viño no salón Peña, pero non haberá casetas das adegas no paseo da Calzada".

Con prudencia e vacinas confían en non dar pasos atrás e brindan por un verán tranquilo nun dos concellos máis turísticos de Galicia.

 

Noticias web

02/06/2021