CRTVG

Buscar

A xornada de portas abertas na Casa do Cabido permite comparala cunha cámara fotográfica escura

Publicado o 13/01/2019 17:14

Unha xornada de portas abertas na Casa do Cabido de Santiago permitiu, a numerosos visitantes, experimentar a sensación de estar dentro dunha cámara fotográfica. Mediante a luz que atravesa a cámara escura montada na fiestra, pódense observar imaxes da Catedral reflectidas nunha parede.

"Isto consiste nunha caixa, hermeticamente pechada, e nun dos seus lados hai un buraco, un orificio, a través del pasa a luz".

Parece maxia, pero é unha mera cuestión física e óptica. A idea é simular que nos metemos nunha cámara de fotos, dentro dela poderemos observar, coma se dende un obxectivo se tratase, unha imaxe inesquecible.

Ángel Panero, arquitecto do Consorcio do Santiago: "É unha intervención do Consorcio de Santiago, a recuperación da Casa do Cabido. Pero dentro existe a posibilidade de recrear unha cámara escura. Un cuarto, que no fondo funciona como un ollo, en que se proxecta a imaxe invertida que ven reflectida da fachada da catedral dende a praza de Praterías, a praza, as escaleiras e todo".

A cámara escura da Casa do Cabido pretende que os cidadáns, adultos e nenos, tanto da cidade como de fóra, experimenten esa sensación.

Falan os visitantes: "Dentro ves a imaxe e parece cuestión de maxia! Como cun buraquiño ves a imaxe reflectida. Claro, os que somos de Santiago estamos constantemente descubrindo cousas en Santiago e a verdade é que é fantástico. E a sorpresa, aínda que saibas como funciona o sistema, logo cando o ves é... recomendable para todo o mundo".

"Tes que acostumar a vista, porque enseguida entras e está todo escuro e non ves nada e pouquiño a pouco vas descubrindo. A verdade e que é moi orixinal, unha cousa que non pensara que vería".

Grazas ás imaxes que proxecta a luz dende as Praterías, os visitantes aprenden sobre a orixe e os principios da fotografía, pero ademais de forma dinámica e moi visual.

Noticias web

13/01/2019