Calvos de Randín volve bater o récord con 12º baixo cero
As xeadas tinguiron de branco a chaira da Limia, un día máis. Sete graos baixo cero marcaban os termómetros en Xinzo ás nove e media da mañá e baixo un sol radiante.
"Hai anos que non ía tanto frío. A menos de cero seguido", di unha veciña de Xinzo.
Complicando emprender o día sen unha fonte de calor preto: "Hai que facer lume!". Os que traballan á intemperie son os que peor o están a pasar, tras máis dunha semana con temperaturas baixo cero. "Pasear, pequenos paseos, para non estar quieto e non enfriar", comenta un vendedor da ONCE de Xinzo.
Desde Lugo cidade para abaixo, os valores negativos apoderáronse dos termómetros. Menos cinco en Monforte, menos 6 no Cebreiro, menos tres en Ourense cidade... Pero volveu ser o sur de Ourense o conxelador de Galicia.
"Esta mañá en concreto, había -8, -10 nalgún lado. Incluso -12 na Boullosa e por aí", sinala unha muller de Baltar. Os corpos acusan a sucesión de xeadas...: "Vaise acumulando, acumulando o frío no corpo...".
E as hortas, tamén, cos grelos e as verzas cocidos pola xeada.
"Non se poden coller porque ademais están duros e estropeados, mentres non veña tempo que os remoce outra vez..."
E mañá máis. Aemet reactiva esta medianoite o aviso amarelo no sur de Ourense.