CRTVG

Buscar

Calvo e Iglesias negocian en paralelo os presupostos

Publicado o 16/09/2020 19:36

Pablo Iglesias recibiu a Gabriel Rufián no despacho da Vicepresidencia para unha entrevista que non figuraba na súa axenda oficial. Por alí pasaron tamén os representantes de Bildu, que trasladaron as súas peticións de desmontar a reforma laboral e mellorar a xestión do ingreso mínimo vital. Unidas Podemos constataba a boa disposición das dúas formacións a apoiar uns presupostos que a formación morada quere facer descansar sobre a maioría da investidura. Os deputados abertzales coincidían.

Mertxe Aizpurua, voceira de EH Bildu, preguntábase "para que se quere contar con Ciudadanos cando para aplicar políticas progresistas, que son as que necesita este país, xa hai a maioría abonda? Os números dan"

Pero Carmen Calvo, que horas despois volvía verse co voceiro de Esquerra Republicana, insistía en que vai falar con todos, agás con VOX, e que todos están convidados ao acordo: "non valen vetos cruzados. Quen acepte uns presupostos solidarios, inclusivos, profundamente sociais para este país que o necesita, está aquí o Goberno. Para calquera que se sinta concernido con iso. E para o Partido Popular, aínda que sexa unha abstención"

A rolda de contactos de Calvo continúa este xoves coa líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas.

Noticias web

16/09/2020