CRTVG

Buscar

Calvo e Ábalos saen do Goberno e Sánchez prescinde de Iván Redondo

Publicado o 10/07/2021 14:49

• Os ministros de Unidas Podemos manteñen os cargos

• Félix Bolaños, novo ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática

• A oposición rexeita os cambios e o PP pide eleccións

O ruxerruxe acerca do cambio de titular en varios ministerios levaba activo toda a semana e tamén activa a negación dunha crise de Goberno por parte do executivo. Finalmente este sábado, despois de comunicárllelo un a un, por separado, aos afectados, Pedro Sánchez anunciou que ministros deixaron de selo e cales sentarán o vindeiro martes 13 de xullo no novo consello de ministros.

A remodelación, ampla e estrutural, segundo fontes do propio Goberno, é unha resposta á nova situación española tras a pandemia de covid-19 e tras a concesión dos indultos do procès.

Haberá tres vicepresidencias e non catro. De entre os 17 ministerios nas mans de homes e mulleres do PSOE, Pedro Sánchez converte a Nadia Calviño en vicepresidenta primeira en lugar de Carmen Calvo, que o martes xa non sentará no consello de ministros. A carteira que tiña Calvo, a do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, será ocupada por Félix Bolaños, ata agora secretario xeral da presidencia e home de confianza de Sánchez xunto con Iván Redondo, o director de gabinete de Sánchez que sairá do executivo.

A vicepresidenta segunda será Yolanda Díaz e a terceira Teresa Rivera, que seguirá sendo ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

Como Carme Calvo, Arancha González Laia deixa o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. No seu lugar Sánchez pon a José Manuel Albares, ata agora embaixador en París. Pilar Llop, ata agora presidenta do Senado, ocupará a carteira de Xustiza que dirixía ata hoxe Juan Carlos Campo Moreno. Ander Gil será o novo presidente do Senado.

José Manuel Rodríguez Uribes, ministro de Cultura, deixa o ministerio e a súa carteira ocuparaa Miquel Iceta. A ata agora alcaldesa de Gandía, Diana Morant, substituirá a Pedro Duque como ministra de Ciencia e Innovación, e José Luis Ábalos, ata agora ministro de Transportes, abandona o executivo.

Isabel Rodríguez García, será a ministra de Política Territorial e nova portavoz do Goberno. Por outra banda, Pilar Alegría será a nova ministra de Educación e Formación Profesional e Raquel Sánchez Jiménez encargarase de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Segundo as fontes consultadas, o presidente do Goberno xa lle comunicou nas últimas horas a Iolanda Díaz, vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, que a remodelación non vai coa ala de Podemos.

Noticias web

10/07/2021