CRTVG

Buscar

Calvo defende a xestión da crise do Open Arms e critica que non aceptara vir a España

Publicado o 29/08/2019 21:01

Carmen Calvo afeoulle a Open Arms que non aceptara vir a España como fixera outras veces. E defendeu a xestión da crise. Di que actuaron ao fracasar todos os intentos de mediación, incluso desde o propio Goberno italiano, para que Salvini deixase atracar o barco.

"Nunca pediron vir a porto español. Foi o Goberno español quen deu a resposta humanitaria e de rescate para desbloquear e sacar adiante unha situación que estaba literalmente enquistada", dixo a vicepresidenta do Goberno en funcións.

O Partido Popular acusou o Goberno de facer negocio electoral coa inmigración.

"O sanchismo e o salvinismo son as dúas caras da mesma moeda, fan o mesmo. Usan os inmigrantes para gañar votos. O sanchismo pesca no océano do sentimentalismo irresponsable e o salvinismo caza na selva da xenofobia e o odio ao diferente", dixo Cayetana Álvarez de Toledo.

E Ciudadanos asegurou que o Goberno non ten política migratoria.

"A resposta do Goberno foi diferente en función de se o caso era máis mediático ou menos mediático", asegurou Inés Arrimadas.

Unidas Podemos criticou que se estea criminalizando as ONG que actúan no Mediterráneo.

"O único ilegal en todo este asunto é deixar morrer a persoas no mar", afirmou Noelia Vera.

Vox acusou o Executivo de alentar a inmigración irregular. Abascal vinculouna coa inseguridade e o terrorismo e dixo que levará á barbarie.

"A avalancha migratoria xera gravísimos problemas de seguridade, económicos e de convivencia", asegurou Abascal.

Un discurso que rexeitou tallantemente o PSOE, asegurando que este ano se reduciu a chegada de migrantes irregulares.

"Pero medrou a inmigración ilegal neste país durante o último ano? Caeu nun 40%", preguntouse e respondeu Rafael Simancas.

Simancas asegurou que cos seus reproches PP e Ciudanos ocultan que en realidade lle gustaría, como a Vox, aplicar a política migratoria de Salvini.