CRTVG

Buscar

O PP e Vox manifestaranse contra os posibles indultos aos condendos polo 'proces'

Publicado o 28/05/2021 15:46

O Goberno reivindica os indultos como unha decisión política para axudar a resolver o problema con Cataluña. No Goberno catalán valoran calquera medida de graza pero seguirán reclamando ir máis aló dos indultos.

E o debate divide o PSOE con voces a favor dos indultos. E outros en contra, como algúns baróns e exdirixentes do partido.

PP e Vox estarán presentes o próximo 13 de xuño na concentración convocada pola plataforma Unión 78 na praza de Colón de Madrid en contra dos indultos aos líderes do 'procés', mentres que Cs deu o seu apoio á iniciativa aínda que non confirmou se enviará unha delegación.

Fontes da dirección nacional do PP informaron a Efe de que o partido "estará presente" nesa concentración de protesta convocada pola plataforma fundada pola expresidenta de UPyD Rosa Díez. Pola súa banda, o presidente de Vox, Santiago Abascal, indicou nun chío que apoian "sen matices" esa convocatoria. Desde Cs, expresaron o seu apoio e respecto pola convocatoria aínda que entende que o protagonismo debe ser da "sociedade civil" e non dos partidos.

O líder do PP, Pablo Casado, anunciou que o seu partido mobilizarase "serena pero firmemente" contra a concesión dos indultos, presentará mocións en todos os concellos de España e promoverá unha campaña de recollida de firmas fronte a esa medida de graza. Para Casado, "onde está a lei, os políticos temos que saír", e se o Tribunal Supremo ditou "que non se pode indultar a quen tentou romper a convivencia, a concordia e a Constitución, deberiamos respectalo".

Carmen Calvo reivindica os indultos como parte da política de altura que debe facer un goberno responsable. Confía en que non lle pasen factura electoral: "cando os españois vexan como a política española se estabiliza cunha situación que nos levou dez anos de turbulencia, tamén valorarán cales son as decisións de futuro que nos importan".

A vicepresidenta tachou de barbaridade cousas como a que este xoves dixo outro socialista, o exvicepresidente Alfonso Guerra: "xurídicamente, é ilegal". Fronte ás críticas dalgúns baróns, o executivo recibiu este venres as doutros, como o valenciano ou o canario. Ángel Victor Torres, presidente do goberno canario, cre que "os problemas políticos hai que resolvelos desde a política. Eu quero que isto teña un punto e final, como tiveron outros conflitos".

Tamén o novo Govern secundaría a Sánchez nesa decisión. Laura Vilagrà, conselleira de Presidencia da Generalitat, admite que "nos alegrariamos polas súas familias e por eles mesmos", aínda que a súa primeira opción siga sendo a amnistía.

A Asamblea Nacional Catalana é contraria aos indultos aos presos do procés por insuficiente. A presidenta deste asemblea independentista considera que con esta medida o Goberno deixaría fóra os direxentes independentistas fuxidos e os condenados por sedición. Considera que unha amnistía tampouco resolvería nada se non vai acompañada de un referendo de autodeterminación que resolva o que ela cualifica de "conflito político".

En apoio deses indultos pronunciouse o director de Amnistía Internacional, Esteban Beltrán, que considerou que os representantes de entidades civís como Jordi Sànchez e Jordi Cuixart non deberían estar no cárcere, polo que o seu indulto sería "unha boa noticia", aínda que non a mellor saída "porque implica recoñecer un delito que non cometeron". 

Noticias web

28/05/2021