España acollerá quince migrantes do Open Arms
O Audaz chegará a Lampedusa este venres pola mañá, algunhas horas antes do previsto. O buque da Armada mudou de misión sobre a marcha: de evacuar o Open Arms pasou a facer de transporte para 15 dos inmigrantes xa desembarcados en Italia. É o cupo que lle toca a España do reparto pactado con outros catro países europeos.
Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións, di que "cumprimos a misión que o presidente trazara, que era ser o país que dese resposta humanitaria á situación que se mantiña cos que estaban alí e agora traer os que nos correspondan"
Calvo advertiu nas últimas horas que a ONG podería afrontar sancións por efectuar un rescate sen ter autorización para facelo. Desde Open Arms cren que todo é un malentendido.
Ricardo Gatti, xefe de misión do Open Arms en Italia, pregúntase "pero, realmente fixemos algo malo? Desde España amenázannos cunha multa de 900.000 euros por facer o que é unha obriga"
Unidas Podemos únese ao coro de críticas da oposición pola tardanza na reacción española.
Ione Belarra, voceira adxunta de Unidas Podemos, cre que "tiñan que actuar con maior celeridade e por iso creo que é moi importante que Pedro Sánchez veña ao Congreso e explique por que xestionaron así esta crise"
Despois, a formación aclarou que a comparecencia que van pedir é a de Carmen Calvo. Queda así no aire a posibilidade de que o faga Sánchez. como reclaman PP e Ciudadanos.