CRTVG

Buscar

Calviño ve "absurdo e contraproducente" abrir o debate da reforma laboral

Publicado o 21/05/2020 18:59

A vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, asegurou este xoves que sería "absurdo e contraproducente" abrir nestes momentos un debate sobre a reforma laboral e garantiu que calquera eventual modificación se fará de maneira dialogada cos axentes sociais. "Coa realidade que temos sobre a mesa, sería absurdo e contraproducente abrir un debate desta natureza e xerar a máis mínima inseguridade xurídica", dixo durante unha sesión en liña organizada polo Círculo de Economía sobre as consecuencias económicas, políticas e sociais da pandemia.

A vicepresidenta engadiu: "Os contribuíntes págannos para resolver problemas e non para crealos". A responsable da política económica do Goberno abriu a porta a facer cambios no ámbito laboral, aínda que se comprometeu a que calquera modificación "se fará de maneira dialogada cos axentes sociais", seguindo unha "filosofía" que, subliñou, puxo en práctica nos últimos meses.

"Por suposto que se poden facer cambios no ámbito laboral, pero sempre cun obxectivo claro de impulsar o emprego e a actividade, á vez que se protexe os traballadores". Neste punto, a ministra quixo facer un recoñecemento público do "compromiso" e o "esforzo" dos empresarios durante esta crise, ademais de subliñar o papel "clave" que terán na recuperación económica.

"Contan co apoio do Goberno", dixo. Calviño deixou claro este apoio aos empresarios pouco despois de que o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, anunciase esta mañá que "suspende" a presenza da patronal nas mesas de diálogo social tras coñecer o acordo alcanzado onte entre o PSOE e Bildu para derrogar a reforma laboral e reclamar unha explicación.

A ministra afirmou que, unha vez iniciado o control sanitario da pandemia, a prioridade do Goberno é recuperar a actividade económica e apoiar os traballadores.

Noticias web

21/05/2020