CRTVG

Buscar

Calviño: "España non vai renunciar aos 'coronabonos' para mutualizar débeda"

Publicado o 10/04/2020 23:11

A vicepresidenta de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, asegurou hoxe que o Goberno español vai seguir traballando para establecer "no medio prazo" un mecanismo de mutualización da débeda europea, os chamados coronabonos, tras non logralo no Eurogrupo de onte.

Nunha entrevista na Cadena Ser, Calviño explicou que non importa como se chame o mecanismo, senón "poñer en común os custos de loitar contra esta pandemia", dunha forma máis estrutural.

Tamén mostrou a súa satisfacción polo acordo alcanzado onte no Eurogrupo, que é un "bo acordo", e "facía falta", e a pesar de que houbo momentos de "moita tensión", todos os países membros eran conscientes do importante que era que Europa dese un sinal de unidade.

O paquete de medidas adoptadas, de ata medio billón de euros, consta de tres alicerces: unha liña de crédito do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), o fondo de rescate, con 240.000 millóns de euros en préstamos; un fondo do Banco Europeo de Investimentos con ata 200.000 millóns en créditos para empresas e un fondo temporal contra o paro con 100.000 millóns para axudas ao emprego.

Ao preguntarlle pola parte que lle correspondería a España da cantidade acordada onte, explicou que dependerá de como accedan as empresas aos créditos do BEI e precisou que as garantías que ofrece esta entidade utilizaranse en España como reforzo á liña de avais de ata 100.000 millóns de euros que xa está en marcha, e cuxo segundo tramo aproba hoxe o Consello de ministros.

E sobre a activación do novo tramo da liña de avais por outros 20.000 millóns de euros, que irá dedicada integramente a autónomos e pemes, dixo que non se esgotou "nin de lonxe", aínda que é certo que "algúns bancos foron moi rápidos" en chegar ao seu límite e por iso mobilízase o segundo tramo.

"Os datos son claros e o que se está cargado dentro do sistema informático son unhas 44.000 operacións por un importe duns 3.500 millóns de euros".

Tamén deixou moi claro que as entidades non poden de ningún xeito ligar a concesión destes créditos á compra de ningún outro produto e insistiu en que o Banco de España vai supervisar.