CRTVG

Buscar

Calviño di que o PIB superará os niveis preprandemia a comezos de 2022

Publicado o 21/09/2021 16:29

O Goberno mantén as previsións de crecemento no cadro macroeconómico presentado hoxe, que servirá de base para os presupostos de 2022. O Executivo estima que a economía española medrará un 6,5 por cento este ano, e un 7 por cento o próximo. Sobre a taxa de paro, calcula que remate 2021 nun 15,2 por cento, e redúcea ao 14 a taxa desemprego no próximo ano.

O Banco de España modera o optimismo do Goberno. Considera que a economía española non recuperará os niveis de antes da pandemia ata mediados do ano que vén, entre dous ou tres trimestes despois do augurado por Calviño. Con todo, o Banco de España mellora lixeiramente as previsións de crecemento da economía española. Espera que este ano o Produto Interior Bruto medre un 6,3 por cento. Para o ano que vén tamén prevé un leve crecemento, dunha décima.

A vicepresidenta económica asegurou que no primeiro trimestre de 2022 a economía española superará os niveis prepandemia.

Este é un paso máis de cara a aprobación dos Presupostos xerais do Estado para o ano que vén. Hoxe arracaron, ademais, os contactos co resto de partidos para tentar sacar adiante as contas públicas. O ministro da Presidencia abre co PP as negociacións dos presupostos xerais. Os de Casado avisan con antelación. Din que non van ser comparsa do Goberno nas contas públicas.

Así, o Goberno busca alternativas, empezando a negociar na propia casa. Podemos pide que se derrogue a reforma laboral, que suban certos impostos e que se regulen os alugueiros antes de aprobar os presupostos.

Tampouco llo van poñer doado os socios habituais no Congreso, que agora piden que se executen os compromisos.

Desde o PSOE amósanse optimistas. Agardan que o proxecto de presupostos entre no Congreso a comezos de outubro.

 

Noticias web

21/09/2021