CRTVG

Buscar

Calviño afirma que os funcionarios gañaron poder adquisitivo nos últimos anos

Publicado o 10/09/2020 10:31
Calviño afirma que os funcionarios gañaron poder adquisitivo nos últimos anos

A vicepresidenta terceira do Goberno, Nadia Calviño, indicou este xoves que os funcionarios gañaron poder adquisitivo nos últimos anos, que ademais o escenario de inflación é cero e que estas consideracións se deberán ter en conta nunha hipotética conxelación dos seus soldos en 2021.

Nunha entrevista en COPE, preguntada por se o vicepresidente Pablo Iglesias estaba ao tanto da fusión Bankia-CaixaBank antes de facerse pública, Calviño contestou que o sabía "quen o tiña que saber e ninguén máis".

Referíndose aos funcionarios, Calviño explicou que nos últimos anos tiveron ganancias de poder adquisitivo e recuperaron as perdas que soportaron durante a crise e que ademais os indicadores apuntan que este ano a inflación será cero. 

Defendeu que a fusión Bankia-CaixaBank é o resultado do proceso de consolidación "que se está producindo e se vai producir" e que están a pedir as institucións como o Banco Central Europeo ou o propio Banco de España para recuperar a rendibilidade.

Preguntada pola posibilidade de dar un cheque directo aos turistas nacionais para incentivar o turismo interior, a ministra deixou ver que o problema está na reactivación da demanda internacional. A vicepresidenta terceira do Goberno aposta por traballar no establecemento de corredores seguros. Así mesmo, durante a entrevista lembrou que o Goberno traballa nun sistema para que as cotizacións dos autónomos se axusten aos ingresos reais, de xeito que algúns pagarán máis e outros, menos.