Calquera persoa que faga o Camiño de Santiago poderá plantar unha árbore no Gaiás
Son representantes de colectivos vinculados ao Camiño de Santiago. Plantan bidueiros no Bosque de Galicia, situado na ladeira do Gaiás. Na parte baixa discorre en paralelo un dos treitos da Vía da Prata, a protagonista do Xacobeo neste 2019.
Ata o 13 de abril, calquera camiñante que acredite ter percorrido un treito da Ruta Xacobea poderá plantar unha árbore neste bosque. A Cidade da Cultura pon a súa disposición un total de 250 exemplares.
"Está pensado básicamente para consolidar o Bosque de Galicia e reforzar esa parte vivencial, emocional do peregrino que fai o camiño por motivación individual, espiritual ou humanista. E o que queremos é reforzar os lazos entre a Cidade da Cultura, o camiño de Santiago e a zona vella de Compostela", asegura Román Rodríguez, o conselleiro de Cultura e Turismo.
As persoas interesadas deberán inscribirse na web da Cidade da Cultura, que se encargará de trasladalas ata o lugar en autobús. As plantacións faranse os mércores e os sábados pola mañá. Deste xeito, poderán deixar unha pegada, con vida propia, da súa experiencia.