CRTVG

Buscar

Calor e ceo de verán en Galicia este venres e sábado

Publicado o 13/09/2019 14:07

A temperatura, alta para o que é habitual a estas alturas de verán en Galicia, alcanzou os 34-35 graos en zonas das provincias de Ourense e Pontevedra.

As previsións de MeteoGalicia indican que se vai repetir esta mesma situación térmica esta tarde, con tempo seco e solleiro.

A previsión para o sábado, segundo a meteoróloga de MeteoGalicia, Ana Lage: "Temperaturas sen cambios mañá. Mañá sábado aínda teremos temperaturas en valores altos para esta época do ano aquí en Galicia. E o domingo, algo máis baixas, pero aínda así, as temperaturas van ser moi agradables".

Porque mañá pola noite empeza un cambio no ambiente térmico, con probabilidade de chuvascos tormentosos. 

Ana Lage explica: "Para mañá, sábado, hai certa inestabilidade atmosférica, porque chega unha masa de aire frío en capas altas da atmosfera. Isto vai dar lugar a certa inestabilidade e algúns chuvascos que mañá sábado restrinxiranse a zonas do interior e leste de Galicia, especialmente en zonas montañosas e que xa o domingo van ser un pouco máis xeneralizados".

De momento, esta tarde vai ser de temperatura alta, por riba dos trinta graos centígrados en puntos da provincia de Ourense e da de Pontevedra. Tempo de calor dun verán ao que lle quedan, astronomicamente falando, dez días escasos.

E, por certo, mañá hai lúa chea, o que lle dá outra singularidade á fin de semana neste verán.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2019