California declara o estado de emerxencia polos incendios
California está oficialmente en estado de emerxencia. O gobernador decidiu tomar esta medida de excepcionalidade ante unha devastadora vaga de incendios que xa obrigou a evacuar dos seus fogares máis de 200.000 persoas. Arestora calcúlase que unhas 32.000 vivendas corren o risco de ser arrasadas polas lapas.
Temperaturas de máis de 35 graos e refachos de vento de preto de 150 km/h fan da extinción dos incendios de California un labor titánico. Na área vinícola de Sonoma queimáronse onte máis de 12.000 hectáreas e os servizos de extinción afánanse por evitar que as lapas leven por diante unhas 32.000 vivendas que están en perigo. Varios hospitais tiveron que ser evacuados.
A situación agrávase polos cortes de enerxía. A compañía Pacific Gas and Electric decidiu cortar a subministración para evitar que os cables derrubados puidesen axudar a propagar as lapas. Os prognósticos meteorolóxicos seguen a ser desfavorables.
En total, hai case 200.000 evacuados desde que comezou a vaga de incendios. Na zona máis afectada, a de Sonoma, as autoridades ordenaron a máis de 180.000 persoas que marcharan das súas casas. Ante a situación, crítica, o gobernador de California acaba de declarar o estado de emerxencia.