CRTVG

Buscar

Cales son os concellos con máis riqueza por persoa?

Publicado o 29/09/2021 15:02
Cales son os concellos con máis riqueza por persoa?

Nin as sete grandes cidades nin o centro económico galego onde se atopa Inditex (Arteixo) se corresponden co concello que ten máis riqueza por persoa en Galicia. Sorprendentemente, e segundo datos do IGE, o concello que máis riqueza posúe por habitante é Cervo, o concello da comarca lucense da Mariña.

Cervo sitúase como o municipio con máis cantidade de diñeiro por habitante, con 98.855 euros por persoa. Este dato, obtido a través da división do produto interior bruto (PIB) municipal entre o número de habitantes en cada concello, mostra que algúns concellos con pouca poboación teñen unha renda per cápita moi elevada.

O segundo concello con maior renda per cápita é Muras, en Lugo, con 92.775 euros por habitante; o terceiro é As Pontes de García Rodríguez, na Coruña, con 85.695 euros por persoa; o cuarto é Carballeda de Valdeorras, en Ourense, con 84.689 euros por persoa, e o quinto é San Cibrao das Viñas, con 77.811 euros por persoa. No sexto lugar estaría Arteixo, con 75.761 euros por habitante.

Con todo, sen ter en conta a poboación, os concellos con máis produto interior bruto de Galicia son as sete grandes cidades e Arteixo. En concreto, o concello que máis PIB posúe é Vigo, con 7.846.296.000 euros.

  Galicia, con 2,7 millóns de habitantes, ten unha riqueza de máis de 62.225.855.000, e unha renda per cápita de 23.031 euros por habitante.