CRTVG

Buscar

15.000 ovellas para rapar para os tosquiadores da montaña lucense

Publicado o 02/07/2020 14:28

Coa chegada da calor é o tempo de rapar as ovellas, un traballo que nos últimos 10 anos viñan facendo rapadores profesionais chegados de Polonia. Desde hai xa dúas campañas hai un equipo de tosquiadores galegos e leoneses que percorren as explotacións galegas a través de Ovica, a Asociación de Criadores de Ovino e Cabrún de Galicia.

Á fronte deles está Adriano Borrás. Con 27 anos de experiencia, aprendeu o oficio no seu Aragón natal e cando se asentou en Negueira de Muñiz comezou a preparar este grupo.

Empregan o sistema neozelandés, sentando a ovella e xirándoa mentres a rapan, controlando ao animal mediante movementos dos brazos e pernas que actúan a xeito de chaves, con menos estrés para a ovella ca os sistemas que había antes e de xeito moi rápido, en cousa dun minuto.

As colledoras cumpren tamén un papel fundamental nesta cadea de traballo. Elas tamén teñen a súa técnica para atrapar sen dano as ovellas e achegarllas ao rapador.

En Ovica calculan que os equipos dos Rapadores da Montaña Lucense tosquiarán arredor dunhas 15.000 ovellas en Galicia ao abeiro da asociación, nunha campaña complicada por mor do estado alarma da COVID-19.

Un traballo fundamental para sanear as ovellas e que non diminúa a súa produción no verán.

Noticias web

02/07/2020