CRTVG

Buscar

Os sindicatos apoian o peche da actividade e advirten que vixiarán posibles abusos das empresas

Publicado o 30/03/2020 09:54

O responsable de Industria do sindicato CCOO, Víctor Ledo, valora positivamente o peche de toda a actividade non esencial. "O que urxe é atender a emerxencia sanitaria, e se a medida está aconsellada polos expertos sanitarios será efectiva", explica. "O que está en discusión é a forma de articular esa licenza retribuída recuperable", a fórmula ditada polo Goberno para evitar que milleiros de traballadores queden sen traballo. 

"A todos os que tiveron que cesar a actividade, facemos un chamamento para que non haxa ningún abuso por parte dalgunhas empresas, que nos consta que os está habendo", di Ledo. "Non imos consentir a imposición unilateral de vacacións", advirte. E engade que "xa houbo unha cascada de despedimentos de traballadores eventuais totalmente inxustificados, e moitas empresas aplicaron ERTE sen xustificación". 

Por outra banda, o responsable sindical pide que "todos os traballadores que teñan que ir traballar o fagan nunhas condicións de seguridade, que teñan os EPI ncesarios para poder realizar as súas funcións, así que esiximos tanto ás empresas como ás administracións que poñan esas medidas a disposición do conxunto dos traballadores e traballadoras".

En CCOO cren que o impacto destas medidas vai ser "bastante forte" no emprego e na situación económica. "Esperamos que teña o menor desgaste posible cara á reactivación económica posterior, que vai ser moi necesaria", di. "As empresas grandes van ter unha situación complexa pero esperemos que funcionen os estímulos anunciados. Pero as pemes, que son o 90 por cento das empresas en Galicia, necesitarán un apoio maior, e aí están os autónomos", para os que pediu políticas activas de impulso económico unha vez superada a crise sanitaria.

Noticias web

30/03/2020