CRTVG

Buscar

Calcúlase que o 20% dos contaxios da covid-19 se produce polos ollos

Publicado o 30/09/2020 21:20

Especialistas en oftalmoloxía advirten do risco de contraer a covid-19 a través dos ollos. Calcúlase que un 20% dos contaxios se producen por esta vía. Insisten na necesidade de aumentar a protección ocular, sobre todo, nos sectores da educación infantil, da sanidade ou dos servizos asistenciais.

"Igual que existe unha mucosa que recobre toda a vía respiratoria, a nivel ocular tamén temos unha mucosa que cobre a parte branca, a parte interna do párpado que é unha posible vía de contaxio. Aínda que menos importante", explica a doutora Yolanda Tallón, do centro oftalmolóxico Moreiras.

O contaxio pode producirse ao tocar unha superficie contaminada e logo levar as mans aos ollos. Tamén a través das gotículas xeradas ao falar.

"Igual que as pingas que expulsamos cando falamos poden entrar en contacto co naríz ou a boca, tamén poden entrar dentro do ollo. Sobre todo nas exploracións que facemos moi próximas ao paciente, cando fala poderíamos entrar así en contacto", engade.

A principal recomendación no caso de traballar moi preto doutras persoas é utilizar lentes ou pantallas protectoras ademais da máscara.

"A pantalla dificulta que poidamos tocar a cara, polo que nos protexe do exterior e de nós mesmos. Pero non substitúe a máscara. Despois temos lentes de protección que son interesentes porque teñen unha cobertura bastante ampla", asegura Alexander Dubra, da óptica Dubra.

Para o resto da poboación, o consello máis importante é procurar non tocar os ollos e lavar ben as mans. Pero coidado co xel desinfectante, que está a disparar os casos de irritación ocular.

Noticias web

30/09/2020