CRTVG

Buscar

Calculan unha mingua do 50 por cento na colleita de castaña

Publicado o 06/11/2019 14:15

Os soutos de Vilardevós están que ferven. O temporal da fin de semana chimpou boa parte das castañas e ducias de mans afánanse en apañalas, tamén coa axuda dalgún artiluxio mecánico, metade industrial metade adaptado.

"Isto inventárono os italianos, pero eu modifiqueina un pouco. Preparámoslle as cribas para ilas sacando e vai bastante ben. Non é cousa doutro mundo, colle como outra persoa, pero polo menos non andas agachado", comenta o artífice do aparello.

A simple vista, as castañas son grandes e boas. Axudounas a chuvia abundante do último mes, pero ao detalle observamos algunhas rebentadas de tanto engordar e outras con becho. Tamén fixo das súas a temida avespa, que diminuíu a produción ata nun cincuenta por cento, calculan, con respecto ao ano pasado.

"Con esta auga caeron todas xuntas e máis ou menos... non é tanto como o ano pasado, que foi excepcional, pero é moi grande". "Moi boa de tamaño pero moito becho, moita rachada, moi pouca á conta da avespa, á conta do tempo...", comentan os produtores.

Aínda que aos consumidores, no supermercado, nos custen máis de cinco euros o quilo, os produtores estana vendendo por debaixo dos dous euros. O prezo e a demanda comezaron a baixar a consecuencia dun fungo detectado durante a primeira fase da colleita. Nesta segunda fase, con todo, confían en que a situación vai mellorar, segundo adianta o representante dos produtores na IXP Castaña de Galicia, Francisco González: "Creceu quizais demasiado á présa, por iso este tamaño e algunhas rachadas, pero nesta segunda fase van en moi bo estado".

Agardan que a escaseza de produto repercuta tamén nunha suba do prezo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/11/2019