CRTVG

Buscar

Calcinados tres coches no Porto de Quilmas, en Carnota

Publicado o 19/08/2021 14:08

Sete coches estaban estacionados nesta rampla do porto de Quilmas en Carnota onte pola tarde. Nun deles acababan de chegar uns mozos de Ourense, conscientes xa de que traían unha avaría no motor. 

"Ao chegar á praia viron fume e intentaron abrir o capó, que non podían coa calor. Cando conseguiron abrir, había lapas na batería e foron incapaces de sufocalas, foron a máis e non puideron facer nada, só retirar os seus efectos persoais de dentro do capó", explica Suso López, xefe da Policía Local de Carnota.

Antes de que chegasen os bombeiros de Muros e de Cee, axentes da Policía Local e o propietario doutro coche conseguiron poñer a salvo tres dos vehículos aparcados na rampla, pero ninguén puido evitar que se calcinaran outros dous. Un deles era de dúas mulleres que estaban de vacacións e que quedaron sen ningunha das súas pertenzas, incluída a documentación. Tiveron que volver á casa en traxe de baño e chancletas.

O momento de máis perigo foi cando o lume estivo a punto de propagarse a unha zona de vexetación e unha cetaria.

"Aquí hai unha cetaria de marisco que ten un tanque de gasóleo. E tiñamos medo porque ía moito máis vento que hoxe e as lapas andaban dun lado a outro", salienta o xefe da Policía Local de Carnota. 

Tamén quedou afectada polo lume a vivenda que está ao pé da praia. Escacharon varios cristais e quedou danada unha persiana.

 

Noticias web

19/08/2021