CRTVG

Buscar

Calcinado o camión e os vehículos de competición de Alexis Viéitez, campión galego de automobilismo

Publicado o 10/06/2019 14:41

O tráiler e os vehículos de competición de Alexis Viéitez, o actual campión galego de automobilismo de montaña, quedaron completamente calcinados nun incendio rexistrado na madrugada do sábado. A familia cre que se trata dun lume intencionado. A Garda Civil mantén aberta unha investigación. 

É o estado en que quedou o camión de competición de Alexis e Vicente Viéitez. O tráiler do actual campión galego de automobilismo de montaña, e todo o que había no seu interior, están completamente calcinados, tras o incendio rexistrado na madrugada do sábado na parroquia de Tenorio, en Cotobade.

Ata o lugar desprazáronse varios efectivos do GES da Estrada, pero non puideron facer nada por salvar o camión. O lume queimou os dous vehículos de competición, varios xogos de pneumáticos e equipamentos, así como ferramentas de traballo. Ademais, as lapas produciron danos na vivenda e nos cables da luz.

Calculan que as perdas económicas poden ascender a 120.000 euros. Pero ademais o suceso é un mazazo para a familia e en especial para Alexis Viéitez, que actualmente lidera o campionato galego. Están convencidos de que o lume foi intencionado.

De feito, non se renden. Xa habilitaron unha conta bancaria co obxectivo de recadar fondos para non dar por perdida esta temporada. Xa contan coa axuda da Federación e doutros compañeiros de competición. Mentres, a Garda Civil mantén aberta unha investigación para aclarar os feitos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/06/2019