CRTVG

Buscar

Cal é o segredo da zona de Galicia onde máis aumentou o número de galegofalantes?

Publicado o 20/10/2019 23:01

Segundo as últimas estatísticas sobre o uso do galego, a zona do Barbanza-Noia foi a que rexistrou un maior incremento entre 2008 e 2018.

A porcentaxe de xente que falaba sempre en galego ou máis galego que castelán era do 78,42% no 2008. Dez anos despois, a cifra subiu ata o 88,85%.

Un dos factores que inflúen positivamente no uso do galego é que na zona do Barbanza existen diversos servizos de normalización lingüística, á marxe do que se fai dende as escolas. Ademais, a técnica de normalización lingüística do Concello de Ribeira, Alicia Padín, apunta outro piar importante: o feito de que nesa zona "hai un continuo contacto co galego: nas familias, no mundo dos negocios, no mar...". 

Ana Peleteiro quixo darnos a súa opinión como ribeirense e dende a súa perspectiva coméntanos que "antes o galego non se falaba por vergonza e agora séntese máis empatía e deféndese máis".

'21 días co galego'

Pero hai un lugar da zona do Barbanza que sae da norma: A Pobra do Caramiñal. Alí as porcentaxes de galegofalantes son moito máis baixas. Ante isto, Pilar Ponte (@aprofa), profesora do IES da Pobra do Caramiñal, decidiu buscar unha solución.

No ano 2013 ideou '21 días co galego', unha campaña de dinamización lingüística que ten obxectivos a curto e a longo prazo. A curto prazo, Pilar Ponte explica que se busca "sacar o galego da escola e aumentar as situacións de falalo durante todo o día". E en canto ao longo prazo di que o obxectivo é "a concienciación, asumir que vivir en galego é posible".

A Secretaría Xeral de Política Lingüística asumiu o proxecto o ano pasado e '21 días co galego' comezouse a desenvolver en máis centros educativos.

Galego desigual segundo as zonas

O caso da zona do Barbanza-Noia é a mellor evolución do uso do galego en toda Galicia. No outro extremo están as áreas próximas ás cidades, onde o noso idioma segue en minoría. Velaquí como evolucionou a porcentaxe de galegofalantes no global do país e por cada unha das zonas que define e enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí