CRTVG

Buscar

Cal é o risco de contaxio en praias fluviais e balnearios?

Publicado o 08/05/2020 15:59

E agora que se achega o verán, as zonas de interior comezan a mirar cara a zonas recreativas de baño como pozas ou praias fluviais. Importante saber cal é o risco de contaxio nestas áreas. 

Estudos realizados noutros coronavirus similares revelan que este segue a ser infeccioso de xeito temporal en ambientes naturais de auga doce. Por iso, ademais de respectar a distancia no espacio exterior á área de baño, recoméndase tamén controlar o número de bañistas nestas zonas. É o xeito, din, de diminuír a carga viral que introducimos cada un de nós neses ecosistemas nos que a auga está sen tratar. Falamos de ríos, praias fluviais coma esta, balnearios ou pozas de auga termal. 

Un informe do CSIC cualifica como "pouco probable" a posibilidade de contaxiarse de COVID por contacto coa auga. Pero apunta que a supervivencia do coronavirus en ríos, lagos, pozas e zonas remansadas de auga doce e non tratada, pode ser superior á que se produce en piscinas e auga salgada. 

Antonio Figueras Huerta, profesor de Investigación do CSIC di que "son os lugares, por así dicilo, de máis risco. Debería de prohibirse o baño no río e as pozas? Non. Debería regularse o número de persoas que están nun lugar ou noutro, porque, ao non haber tratamento, a viabilidade deste virus mantense un pouco máis".

Por iso din que é importante non só controlar a cantidade de xente que está nos espazos exteriores, senón tamén dentro da auga.

"Os responsables da infección somos os seres humanos, polo tanto o que temos que facer é diminuír a carga de virus que introducimos neses ecosistemas que imos utilizar para o noso lecer", engade o profesor de investigación do CSIC, Antonio Figueras Huerta.

E lembran que os tratamentos de desinfección igual que as altas temperaturas axudan a diminuír a efectividade do virus. Algo a ter en conta tamén nas zonas termais. Pero insisten en que de pouco serve se hai aglomeracións, contacto entre as persoas, ou se non se respectan as medidas de seguridade. 

 

 

Noticias web

08/05/2020