Caída histórica do paro en setembro: 76.113 desempregados menos
• A media de afiliados á Seguridade Social aumentou en 57.387 persoas
• Galicia rexistra 1.790 desempregados máis, pero baixa o paro con respecto ao ano pasado
O paro rexistrado diminuíu en 76.113 desempregados en toda España, un 2,2 %, en setembro e marcou con iso o maior recorte para este mes da serie histórica, mentres o número de afiliados medios á Seguridade Social aumentou en 57.387 persoas.
Segundo os datos proporcionados este luns polos ministerios de Traballo e de Inclusión, o número total de afiliados situouse nos 19.531.111 e o de desempregados quedou nos 3.257.802 de persoas.
En termos desestacionalizados, Inclusión destaca que o número de afiliados creceu en 82.184 persoas, ata os 19.559.689 en setembro. Esa cifra supera o número de ocupados de febreiro de 2020, mes previo ao estalido da pandemia, e supón o nivel de ocupación máis alto do histórico.
En Galicia sobe o paro en setembro, que baixa en termos interanuais
Pola súa parte, en Galicia aumentou o paro en 1.790 persoas, unha subida do 1,18 %. En total, hai no país 153.054 desempregados. A pesar dese incremento en setembro, agora hai en Galicia 23.500 desempregados menos ca hai un ano, o que supón un descenso do 13,32 %.
Galicia é deste xeito unha das poucas comunidades con datos de desemprego negativos no mes de setembro.
A afiliación á Seguridade Social pechou setembro con 1.034.229 persoas rexistradas, de xeito que neste mes se produciu unha caída da afiliación do 0,5 %, respecto a agosto, 5.241 persoas menos, mentres que con respecto ao ano pasado hai 22.430 cotizantes máis, un incremento do 2,2 %.
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou que o mercado laboral galego cre que, máis alá do dato concreto do mes de setembro, as cifras sitúan a Galicia "no camiño da reactivación económica".
Lado destacou a transformación dixital como unha oportunidade para o emprego de calidade, e asegurou que a Xunta traballa para identificar os empregos de futuro.
Sánchez: "Seguimos avanzado cara á recuperación xusta"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, cre que a caída do paro en setembro supón un avance máis cara á meta de lograr "unha recuperación xusta".
Sánchez na súa conta de Twitter destacou o dato histórico, que xa avanzara o venres pasado na clausura do Foro Vínculo Atlántico na illa da Toxa.
El paro registra hoy su mayor caída en un mes de septiembre. Baja en 76.113 personas y ya encadena siete meses de descensos consecutivos, algo que no sucedía desde el año 2000. Seguimos avanzando en una recuperación justa, con empleo de calidad, que llegue a todas y todos.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) October 4, 2021