CRTVG

Buscar

A economía española entra en recesión tras a caída histórica do 18,5 % do PIB no segundo trimestre

Publicado o 31/07/2020 10:40

• O consumo dos fogares diminuíu un 21,9% durante o confinamento

• As exportacions baixaron un 33,3%

• É a maior contración da economía desde 1970

A economía española entra en recesión tras a caída histórica do 18,5 % do PIB no segundo trimestre

A economía española rexistrou unha caída histórica do 18,5 % no segundo trimestre do ano respecto ao primeiro, como consecuencia do confinamento decretado para frear a epidemia de COVID-19, de acordo co dato avanzado este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Trátase da maior contracción desde que comezou a serie do INE en 1970 e é 13,3 puntos superior á segunda maior caída trimestral da serie, que foi o 5,2 % rexistrado no primeiro trimestre.

Ao sumar dous trimestres de caídas a economía española entra tecnicamente en recesión, aínda que todo apunta a que será breve, porque para o terceiro trimestre os expertos prevén unha repunta do PIB, aínda que para o conxunto do ano o balance será negativo, cunha previsión de caída do 9,2 % por parte do Goberno.

A evolución do PIB entre abril e xuño é consecuencia dunha contribución negativa da demanda nacional (consumo e investimento) de 16,6 puntos e da demanda externa (exportacións e importacións) de 1,9 puntos.

O emprego medido en horas traballadas caeu un 21,4 %, un descenso superior á destrución de postos de traballo equivalentes a tempo completo, que diminuíron un 17,7 %.

Nun contexto de paralización da actividade pola restrición da mobilidade, o consumo dos fogares caeu un 21,2 %; o investimento, un 21,9 %; o investimento en vivenda e construción, un 25 %, e o investimento en bens de equipo, un 25,8 %, todas caídas sen precedentes na serie histórica.

Pola contra, o gasto en consumo das administracións públicas creceu un 0,4 %, 1,4 puntos menos ca o trimestre anterior, pero aínda encadea catorce trimestres á alza.

As importacións caeron un 28,8 %, en liña coa depresión do consumo dos fogares, mentres que as exportacións afundíronse un 33,5 %.

O único sector económico que se mantivo en positivo no segundo trimestre foi a agricultura, que creceu o 4,4 % trimestral, mentres que a industria se afundiu un 18,5 %; os servizos, un 19,1 %, e a construción, un 24,1 %.

Dentro dos servizos só avanzaron as actividades financeiras e de seguros, un 3,4 %, mentres que o comercio, transporte e hostalería rexistrou a maior contracción, do 40,4 %.

En comparación interanual a baixada do PIB chega ao 22,1 %, fronte á caída do 4,1 % do trimestre precedente, e é cinco veces superior á segunda maior da serie, que foi do 4,4 % en segundo trimestre de 2009.

Tamén en comparación anual, as horas traballadas caen un 24,8 % e o emprego cede en 3,39 millóns de postos de traballo equivalentes a tempo completo respecto ao segundo trimestre de 2019, o que supón un descenso do 18,5 %.

Na agricultura as horas traballadas diminuíron un 9,3 % interanual; na industria, o 20,9 %; nos servizos, o 25,5 %, e na construción, o 32,2 %.

A remuneración dos asalariados baixou un 13,1 % interanual e o número de asalariados reduciuse un 16,4 %, mentres que o excedente de explotación/renda mixta bruta (asimilable á marxe empresarial) caeu un 26 %, o maior descenso da serie histórica.

O PIB a prezos correntes retrocede catorce anos ao caer un 21,1 % interanual e situarse en 244.877 millóns de euros no segundo trimestre, o seu valor máis baixo desde o segundo trimestre de 2006.