CRTVG

Buscar

Caen por primeira vez os casos positivos de COVID-19 en Italia

Publicado o 20/04/2020 18:53
Caen por primeira vez os casos positivos de COVID-19 en Italia

Os falecidos en Italia con coronavirus son xa 24.114, tras rexistrarse 454 novas mortes o último día, unha cifra algo superior aos 433 do domingo, pero na liña de descenso da última semana, segundo informou hoxe o xefe da Protección Civil, Angelo Borrelli.

O máis destacable de hoxe é que por primeira vez os positivos actuais descenderon respecto ao día anterior, e este luns son 108.237, 20 menos que o domingo.

Os casos totais de contaxios desde que se detectou o brote en Italia o 21 de febreiro son 181.228, o que supón un aumento de 2.256 desde o domingo, un aumento inferior en case mil casos ao día anterior, o que confirma a tendencia á baixa que vén rexistrándose. Deles, 48.877 xa curaron, e seguen descendendo os hospitalizados e os ingresados en coidados intensivos. 

O Reino Unido logra a cifra diaria de falecidos máis baixa en dúas semanas

O número de pacientes falecidos por COVID-19 rexistrados en hospitais británicos ascendeu este luns en 449, a menor cifra en dúas semanas, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Saúde. O total de mortos contabilizados no Reino Unido alcanza 16.509, mentres que os contaxios detectados son 124.743, despois de que se rexistraron hoxe 4.676 novos positivos. 

Ademais, máis de 140.000 empresas británicas solicitaron este luns acollerse ao programa de axudas do Goberno para cubrir o 80% do salario de traballadores co emprego suspendido. Así o informou o ministro de Economía do Reino Unido, Rishi Sunak. 

O Executivo comprometeuse a aboar unha ampla porcentaxe dos salarios, ata un máximo de 2.500 libras, ou 2.865 euros, para tentar evitar despidos definitivos de persoas que traballen en empresas onde non se poida facer fronte a eses pagamentos. 

Francia supera as 20.000 vítimas mortais

O director xeral de Saúde de Francia, Jérôme Salomon, confirmou este luns 547 falecidos nas últimas 24 horas a causa do coronavirus, co que o total de vítimas mortais da nova enfermidade suma xa 20.265. Destas mortes totais, 12.513 producíronse en hospitais e 7.752 en residencias de maiores e outros establecementos sociosanitarios.

Francia ten 114.657 casos confirmados e 30.584 persoas hospitalizadas. Delas, 5.683 están en coidados intensivos, 61 menos que o domingo no que supón o decimosegundo día consecutivo de descenso. 

 Nova York certifica o descenso do pico da Covid-19 e propón bonus a sanitarios

O estado de Nova York certificou este luns o seu descenso do pico da Covid-19, tras rexistrar 478 persoas falecementos por coronavirus. Sería a cifra máis baixa en dúas semanas. O gobernador Andrew Cuomo propuxo pagar un "complemento de perigo", un bonus do 50%, aos traballadores que están en primeira liña.

Na súa actualización diaria,  Cuomo sinalou que o número de novos  contaxios se estabilizou e que están "a baixar" as hospitalizacións e entubacións de pacientes por coronavirus. Isto convida a pensar que "xa pasamos o pico", aínda que asegurou que "as salas de emerxencia seguen estando por enriba da súa capacidade".

De acordo coas cifras do gobernador, este domingo faleceron 478 persoas en todos o estado por coronavirus, o que supón o sexto día de descenso e sitúa a cifra total de decesos en 14.347, cifra que a Universidade John Hopkins eleva a 18.298, xa que inclúe os casos das mortes domiciliarias e sospeitosas de ser Covid-19.

O gobernador anunciou  tamén unha colaboración entre o estado e a cidade de Nova York para levar esta semana aos complexos de vivendas públicas, onde viven case medio millón de persoas de renda baixa, servizos médicos que faciliten a diagnose e materiais de protección desde máscaras ata xel desinfectante.


Noticias web

20/04/2020