CRTVG

Buscar

Morren dúas persoas por covid nun día en que caen os contaxios e os casos activos

Publicado o 14/08/2021 19:59

• As persoas coa infección activa do virus son 14.675 (-481)

• Hai 15 pacientes menos nos hospitais, pero 57 precisan UCI (+2)

 

Os indicadores da incidencia da covid en Galicia seguen a dar un certo respiro nas últimas horas. As infeccións activas de coronavirus descenden unha xornada mais e con datos das 18 horas do venres son 14.675 as persoas portadoras do virus, 481 menos que 24 horas antes.

Tamén baixan os positivos diarios diagnosticados en todas as probas e son 717, un cento menos que na xornada previa.

E diminúe a presión asistencial con 309 enfermos ingresados nos hospitais, 15 menos que 24 horas antes. A melloría está nos pacientes que precisan atención en cama convencional con habitacións illadas que son 252 (-17) pero pola contra hai dous enfermos mais nas UCI, con 57 que precisan atención intensiva.

Nas residencias de maiores aumentan os casos positivos. Hai un total de 80 usuarios infectados en toda Galicia. Nas últimas horas, son 28 os positivos novos, todos eles usuarios da residencia de maiores García Hermanos de Betanzos. Nos centros de atención a persoas con discapacidade, hai 14 positivos, un menos ca onte, no Fogar e Clínica San Rafael de Vigo.

E a cifra de falecidos por coronavirus en Galicia durante a pandemia é de 2.514 persoas despois de que o Sergas notificara este sábado dúas mortes nos hospitais galegos . Trátase dun home de 74 anos na Coruña e outro home de 92 en Ourense.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións activas por coronavirus descenden en todas as áreas sanitarias galegas, cunha diminución mais acusada na de Pontevedra. Nas unidades de críticos hai tres pacientes máis, un en cada unha delas nas demarcacións da Coruña, Ourense e Santiago e un enfermo menos en intensivos en Lugo.

A Coruña : 4.459

Ferrol : 945

Lugo : 1.533

Ourense : 964

Pontevedra : 1.640

Santiago : 1.485

 Vigo : 3.649