Caen os ingresos nas casas rurais, sen apenas reservas por mor das restricións
Zoran e Sara abriron esta casa rural en Rairiz de Veiga no 2004. Aquí traballan os dous, é o seu medio de vida. Os gastos fixos da casa son duns 2.000 euros mensuais e a prestación que reciben vai para pagar os autónomos e a hipoteca. Din que nos últimos meses as contas non saen.
"A miña casa e varias arredor tiveron unha caída de ingresos de máis do setenta por cento con respecto ao 2019. Eu non sei quen pode manter un negocio con semellante caída de ingresos, eu esas matemáticas non as coñezo", Zoran Yokanovic, propietario da Casa Rural Sabariz
O teléfono tan só soou aquí dúas veces dende xaneiro e as perspectivas con vistas á Semana Santa non son boas. Os peches perimetrais reteñen os seus clientes potenciais en moitas cidades e a incerteza con vistas ao verán non axuda. É o mesmo relato que fai Juan Carlos, no seu caso os ingresos descenderon nun cincuenta por cento.
"Estamos nunha situación bastante crítica despois de seis meses con moi pouco traballo, case non se cobren os gastos, e estamos loitando para manter os gastos e para sacar para comer nós e pouco máis", comenta Juan Carlos Cortés, propietario da Casa Ramirás
Din sentirse abandonados polas administracións, coidan que as axudas que hai non son dabondo por iso reclaman un plan de rescate que lles permita seguir coa súa actividade ata que a situación sanitaria mellore.