CRTVG

Buscar

Catro novas mortes nunha xornada en que caen os contaxios por baixo dos 300

Publicado o 21/02/2021 22:05

• Baixan as infeccións activas en todas as áreas sanitarias

• Redúcense os ingresos nas UCI e hai unha repunta lixeira en planta, con tres pacientes máis

 

Nas últimas horas comunicouse a morte de catro persoas que foran diagnosticadas coa covid−19. Tres delas corresponden ao día 20 de febreiro: unha muller de 74 anos, que faleceu no CHUO, e dous homes de 70 e 62, que morreron no CHUVI e no CHUS respectivamente.

A outra das mortes é do día 21 de febreiro, unha muller de 91 anos que faleceu no CHOP. Todos eles tiñan patoloxías previas. Dende o inicio da pandemia, faleceron 2.176 persoas en Galicia.

Os indicadores do coronavirus en Galicia mostran unha tendencia á melloría nas últimas horas con datos recollidos ata as 18 horas do sábado. Estamos en cifras moi inferiores ás da pandemia en xaneiro, e con iso semella que a terceira vaga está a ser controlada. Os casos activos son 8.616, cunha reducción de 673 sobre a véspera. Os contaxios diarios diagnosticados nas diferentes probas baixan de 300, sitúanse en 289, que son 128 menos que o sábado, dos que 252 se detectaron por PCR.

As persoas que permanecen ingresadas nos hospitais galegos son 735, cinco menos que a xornada anterior. Houbo unha lixeira repunta en planta, con tres pacientes máis, pero baixan en oito os ingresados nas UCI.

Situación por áreas sanitarias

Os casos activos caen en todas as áreas sanitarias galegas e os positivos diarios só soben na da Coruña, con 79 (+8). As infeccións activas en cada unha delas son:

A Coruña: 2.869

Ferrol: 861

Lugo: 838

Ourense: 632

Pontevedra: 1.150

Santiago: 950

Vigo: 1.316