CRTVG

Buscar

Morren dúas persoas en Galicia nunha xornada con menor presión hospitalaria

Publicado o 28/11/2020 22:07

• Baixan os contaxios e activos en todas as áreas sanitarias agás en Lugo, que ten un lixeiro incremento

• O maior descenso dáse en Vigo con 100 casos menos de covid-19

 

 

O Sergas informa do falecemento de dúas persoas ingresadas nos hospitais galegos con covid-19. Trátase dun home de 79 anos que estaba a tratamento no hospital Domínguez de Pontevedra e unha muller de 92 que permanecía no hospital da Mariña.

Así, a cifra de persoas mortas nesta segunda vaga chega ás 574 e son 1.193 desde o comezo da pandemia.

Sanidade notifica que os casos activos de coronavirus en Galicia, con datos ata as 18:00 horas do venres, son 8.211, cunha baixada de 241 sobre a xornada precedente. A presión nos hospitais segue a reducirse con 384 ingresados en planta, 20 menos, e na de agudos baixa en 8 con 85 pacientes nas UCI.

Os casos positivos son 363, dos que 355 foron diagnosticados por PCR. Realizáronse en total desde o comezo da pandemia 88.7679 PCR, 7.005 na última xornada. 

Durante esta segunda vaga os enfermos que precisaron ingreso en planta chegaron a alcanzar os 516. O pico nas UCI produciuse o 17 de novembro con 106 pacientes.

Situación por áreas sanitarias

A mellora dos datos prodúcese e todas as áreas sanitarias, agás na de Lugo, que ten 5 positivos máis. Ademais, tamén duplica os positivos con 61 respecto da xornada anterior.  É a cuarta área con máis casos. Vigo é a única área sanitaria por riba dos 2.000 casos activos, pero o dato positivo é que nas últimas horas reducíronse en 100, co que a cifra sitúase en total en 2.168. Iso si, un de cada catro casos activos en Galicia está en Vigo.

A Coruña ten 1.697 casos activos de covid-19 e 73 positivos máis diagnosticados por PCR, con 33 persoas ingresadas en agudos. Pontevedra segue tamén por riba dos 1.000, con 1.167 activos  e 55 positivos máis. En Ourense segue o bo comportamento da curva con 510 activos  e 8 ingresados en UCI con 17 novos contaxios. É a área sanitaria con menos casos de coronavirus. Tamén en Santiago a tendencia é positiva co 898 activos, e con 39 positivos diagnosticados por PCR e 8 ingresados en UCI.

En Ferrol son 706 as persoas coa infección activa con 36 novos diagnósticos e 8 ingresados en agudos.