CRTVG

Buscar

Caen en Galicia fortes trombas de auga nas últimas horas

Publicado o 12/08/2020 10:07

Volve chover. Volvemos coller o paraguas. Cidades como Santiago, A Coruña ou Vigo levaban máis dun mes sen ver unha pinga de auga. E que dicir da provincia de Ourense? Despois de semanas rozando os 40 graos, sen sitios onde atopar respiro, a imaxe nas últimas horas é esta.... fortes trombas de auga que caeron sen aviso, e das que houbo que escapar á carreira. Ourense, O Carballiño e, sobre todo, Verín foron algunhas das localidades máis afectadas, con baixos e garaxes anegados. 

Non por seren anunciadas deixaron de sorprender. Habituais neste mes, as treboadas irromperon nun agosto que coma xullo estaba sendo especialmente anticiclónico. Despois de semanas de sol e temperaturas que non se alcanzaban en décadas, volveron as nubes e a choiva, con forza nalgúns momentos. En cuestión de días, os paraugas substituíron as antucas de praia.

Na provincia de Ourense, que estaba onte en aviso amarelo por acumulacións de ata 15 litros por metro cadrado nunha hora, as intensas precipitacións ocasionaron unha chea de incidentes que mesmo obrigou á intervención dos bombeiros. Atascos, caídas de árbores e inundacións de rúas e baixos. Por exemplo, en Verín, onde esta noite viamos imaxes máis típicas doutras estacións. As temperaturas baixaron na provincia máis de dez graos.

Non chovía tanto desde mediados de xuño. E é unha auga que se agradece porque alivia un pouco a sequía que estaba empezando a sufrir o campo e axuda a apagar os incendios que levan todo o vran arrasando a provincia ourensá.

Con todo, a borrasca que se situou no Cantábrico pasará pronto. Para mañá xa se agarda que volvan as altas presións para volver instalarse contra o final da semana de novo tempo anticiclónico.