Cae unha rede que explotaba mulleres que tiñan encerradas e forzaban a consumir cocaína
A Garda Civil, no marco dunha operación bautizada como Chacao, liberou cinco mulleres de nacionalidades venezolana e colombiana que estaban sendo explotadas sexualmente.
Na operación detiveron dez persoas, cinco homes e cinco mulleres, nas provincias da Coruña, Toledo e Alacante. Trátase de quen se cre que facían labores concretos de captación, traslado e control das vítimas.
As mulleres estaban en pisos da Coruña e Denia (Alacante), fundamentalmente, onde as mantiñan encerradas con cadeados na porta de entrada da vivenda e ás que obrigaban a consumir cocaína para que dependesen máis dos seus captadores.
Aos detidos impútanselles os delitos de tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual, branqueo de capitais, pertenza a organización criminal e delito contra a saúde pública.
Igualmente, realizáronse cinco rexistros domiciliarios en vivendas relacionadas coa estrutura criminal, que tamén chegou a operar en Áraba ademais de nas outras tres provincias mencionadas.
Neses rexistros foi comisada "unha importante cantidade de substancias estupefacientes", segundo informan desde a Garda Civil, xa preparada para ser entregada e consumida tanto polas vítimas como polos seus supostos clientes.
Tamén foron localizados numerosos comprobantes de envíos de diñeiro a terceiros países, que segundo o Instituto Armado "evidenciaban, por un lado o inxente montante económico que a través das vítimas gañaba a organización criminal, e por outro, o modus operandi que utilizaban para branquear eses cartos".
A operación comezou por outra anterior desenvolvida en Toledo, nun piso onde foi localizada, entre outras, unha vítima venezolana á que os axentes da UCO tentaron convencela de que denunciase.
Pero a muller, cun pasado "moi duro", segundo informa a axencia EFE, desconfiaba dos axentes e tiña moito medo á organización, que, como adoita ocorrer nos delitos de tráfico, ameaza a vítima con represalias para os seus familiares no país de orixe.
Finalmente, os axentes lograron convencela cun argumento: a súa denuncia podía axudar a outras mulleres a saír desa situación de explotación, din os investigadores. E deu o paso.
Era outubro de 2019 e a Garda Civil comezou a investigar esa rede. Xurdiu a pandemia da covid-19 e a organización deixou que volvesen ao seu país algunhas vítimas das que controlaba.
Pese ao confinamento, algúns pisos onde se obrigaba as mulleres a exercer a prostitución seguiron funcionado, como puideron constatar os axentes.
Grazas á denuncia desta muller venezolana, a UCO puido desentrañar toda a trama, desde a captación ata a explotación, e encaixar todas as pezas do quebracabezas, e descubrir tamén como vivían as mulleres en condicións moi duras.
Unha cousa chamou a atención dos investigadores: as portas estaban cerradas con cadeados pola parte exterior.
Para levar a cabo a explotación, a organización publicaba anuncios en diferentes páxinas de Internet -máis de 3.000, cuantificaron os investigadores-, para o que utilizaban números de teléfono que obrigaban a comprar ás propias vítimas.
A publicación de parte destes anuncios realizábase desde a República Dominicana.
O número total de vítimas detectadas e controladas pola rede desmantelada ascende a máis de trinta mulleres de distintas nacionalidades de América do Sur, todas elas en clara situación de necesidade e vulnerabilidade.