CRTVG

Buscar

Nove detidos nunha rede de tráfico de mulleres en Santiago

Publicado o 04/04/2019 17:59

A policía prendeu seis persoas en Galicia e tres no Paraguai no marco da operación Chispa contra o tráfico de mulleres en Santiago. Entre os detidos está Juan Pérez Miramontes, o que fora presidente do sindicato Xóvenes Agricultores. Os arrestados están pendentes de pasar a disposición xudicial.

A Policía Nacional, en colaboración coa Fiscalía do Paraguai, desartella unha rede que presuntamente captaba mulleres no Paraguai e as traía a Santiago, onde eran obrigadas a exercer a prostitución. A investigación comezou en decembro de 2018.

No marco desta operación Chispa, a policía prendeu nove persoas. Segundo confirmou a Delegación do Goberno en Galicia, 3 foron detidos no Paraguai e 6 na nosa comunidade. Entre os arrestados está Juan Pérez Miramontes, o ex-presidente de Xóvenes Agricultores, un sindicato agrario disolto en 2016. Ademais das nove detencións practicáronse 6 rexistros e entradas en Santiago.

Fontes xudiciais confirman que entre os delitos polos que se segue a causa están o tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual, favorecemento da prostitución e alteración do estado civil de menores.

A operación está aberta. O xulgado número tres de Santiago que instrúe a causa decretou o segredo de sumario.

 




 

 

Noticias web

04/04/2019