CRTVG

Buscar

Cae unha pedra de 20 quilos dunha igrexa de Cerceda horas despois dun cabodano

Publicado o 05/10/2020 14:43

En Cerceda, un desprendemento do campanario dunha igrexa puido causar unha desgraza. Por sorte, a pedra, duns vinte quilos, caeu de madrugada poucas horas despois de que celebraran no templo un cabodano.

A pedra desprendeuse do campanario desta igrexa de San Martiño de Rodís, en Cerceda, por causas que aínda se descoñecen.

"Caeu de vello". "Non sei se sería un raio porque aquela noite houbo tormenta", explican os veciños.

O que si saben é que aconteceu de madrugada. "Eu asusteime moitísimo porque escoitei un estrondo e pensei que caía todo", di unha veciña.

Os danos son materiais. Pero din que se a pedra chegase a caer horas antes, podería ocasionar tamén danos persoais.

"É que horas antes houbo aí un cabodano. E despois aínda estiveron nenos pequenos xogando".

Así as cousas, denuncian o perigo que supón a deterioración que sofre este templo.

"É un perigo porque aquí vén moita xente ao cemiterio, nenos a xogar... Isto necesita unhas melloras".

Algúns veciños din que estarían dispostos a axudar economicamente. Todo con tal de non perder, din, esta igrexa parroquial con tanto valor histórico e cultural.

Noticias web

05/10/2020