CRTVG

Buscar

Cae unha das maiores redes dedicadas ao tráfico ilícito de armas en España con varias detencións en Galicia

Publicado o 24/06/2020 11:15

• Na operación en 15 provincias arrestaron 21 persoas, sete en Galicia

Axentes da Policía Nacional desmantelan un dos maiores armazóns criminais en Esoaña dedicados á comercialización e distribución ilícita de armas.

A operación desenvolveuse en 15 provincias españolas, e detívose 21 persoas por un presunto delito de posesión e tráfico ilícito de armas. Seis delas tamén son acusadas dos presuntos delitos de depósito de armas de guerra, depósito de municións e depósito de explosivos. 

A semana pasada realizáronse varios rexistros e detencións en Lugo. Tamén se fixeron rexistros na Coruña e en Ourense.

Compravenda de armas a través de paquetería postal

A investigación comezou hai máis dun ano cando os axentes especializados na materia tiveron coñecemento da existencia dunha persoa que, desde Málaga, se dedicaba a comerciar no mercado negro con armas e pezas fundamentais destas. Este individuo dispoñía dunha extensa rede de contactos en España que utilizaba para a compravenda do devandito material.

Os implicados empregaban os servizos de  paquetería postal para enviar e recibir pezas fundamentais que despois utilizaban para rehabilitar ou ensamblar outras armas diferentes.

Tras analizar toda a información, o pasado día 18 estableceuse un amplo dispositivo en gran parte do territorio español coordinado por un xulgado de Málaga. 

Dispoñían de talleres clandestinos

Todos os arrestados tiñan as habilidades e coñecementos necesarios para realizar modificacións en armas de fogo, e sete deles posuían talleres clandestinos aptos para a transformación e rehabilitación de armas de fogo.

Durante os rexistros, os axentes comprobaron como os devanditos talleres dispoñían de ferramentas e accesorios específicos para a modificación. 

Os axentes consideran que a investigación desenvolvida é unha das maiores operacións contra o tráfico ilícito de armas levada a cabo en España ata a data.

Aínda que a organización foi desmantelada en España, os investigadores tratan de pescudar posibles conexións internacionais dos arrestados.