CRTVG

Buscar

Cae unha banda con base en Ribadeo que asaltaba caixeiros con explosivos no noroeste

Publicado o 17/10/2021 18:04

Un espectacular operativo liderado polo Equipo contra o Crime Organizado de Galicia (ECO Galicia) e a Policía Xudicial da Garda Civil desmantelou unha banda composta por catro persoas de nacionalidade romanesa que asaltaba caixeiros con explosivos no noroeste da Península.

Cos artefactos rebentaban os caixeiros de entidades bancarias. Foron detidos na allada en Oviedo tras perpetraren un asalto que deixou danos importantes na sucursal bancaria. Os detidos operaban desde un céntrico piso de Ribadeo, que foi rexistrado este sábado por axentes da UCO.

Os catro integrantes da banda pasaron a noite no cuartel de Ribadeo á espera de ser postos a disposición xudicial previsiblemente este luns. A investigación segue aberta.

Ante a perigosidade dos investigados, os axentes do ECO Pontevedra e da unidade xudicial de León contaron co apoio dos Grupos Rurais de Seguridade ante posibles riscos.

Atribúenlle a esta rede delituosa dous asaltos con explosivos en localidades de Lugo, outro na Coruña, dous en Xixón, un en León e a acción de Oviedo que supuxo a súa captura.