CRTVG

Buscar

Cae un guindastre na terraza dun bar en Fisterra

Publicado o 12/02/2020 13:21

Un guindastre a piques estivo de acabar coa vida dunha familia que rexenta un bar en Fisterra. O aparello precipitouse contra a terraza cando estaban a levantar unha viguetas para unha obra que están a facer no edificio lindeiro. Segundo o operario do guindastre, un fallo dos mecanismos de seguridade puido causar o accidente.

O bar Yatiri vai tardar días en volver abrir. A terraza onde fan o churrasco quedou desfeita cando o guindastre de 18 metros que estaban a empregar na obra que está a carón lle caeu enriba. A familia que rexenta o local estaba dentro. Deuse a feliz casualidade de que estaban na esquina máis afastada da terraza, polo que salvaron a vida de milagre. Tamén porque parte do aparello bateu na parede da casa onde quedou apoiado, polo que a estrutura non caeu totalmente ao chan.

"Eu estaba subindo unha carga e ao chegar arriba parei e quixen xirar o guindastre para dentro e o carro seguiu andando para adiante. O mando non existía e non puiden facer nada. Eu cando vin que se movía o guindastre, nada isto levanta e vén abaixo", di o construtor Alberto Picallo. 

O guindastre é alugado. Levaba tres meses instalado e traballando. O accidente aconteceu o mesmo día que os técnicos da empresa de alugueiro viñeran aumentar as súas dimensións para poder chegar mellor a toda a superficie da obra. Dende a empresa construtora insisten en que o peso que levantaban no momento da caída era inferior ao máximo permitido.

"O guindastre xa levaba tres meses traballando aquí. Onte viñeron subirlle a pluma para que librase arriba na cuberta e, non sei, algún limitador fallou aí, aí fallou algo. Entón o guindastre seguiu tirando ata que caeu. Entón nada, xa che digo que pola carga estaba limitada en punta a 550 quilos e non levaba esa carga. Algo fallou alí", explica Alberto.

"Así coma agora. Quedou así tal cal. O guindastre caeu aquí enriba de coches que había aquí. Pero aos coches case non lles tocou. Tiveron sorte iso que había aquí dous coches", conta un veciño.

Aos danos do local hai que sumarlles os de dous coches que estaba aparcados fronte ao bar. A Garda Civil investiga o acontecido.

Noticias web

12/02/2020