CRTVG

Buscar

Cada instituto decide se permite o uso de móbiles nas súas instalacións

Publicado o 09/10/2019 14:59

Vigo. Instituto de Teis. Máis de mil alumnos e, polo tanto, centos de móbiles. Aquí estaban prohibidos dende 2013.

"Unha prohibición expresa para os alumnos da ESO: non podían traer o móbil ao centro", subliña o director. E a xefa de estudos aclara: "Eramos conscientes de que os móbiles estaban nas mochilas, pero con tantos alumnos non podiamos estar cada día revisando mochilas".

E esta semana vemos móbiles polos corredores, porque hai un limbo mentres reelaboran a normativa.

"Este cambio agora é para permitir traer os móbiles a todo o alumnado pero non para empregalos", indica o director. E precisa a xefa de estudos: "Salvo que o profesor o decida como fin docente. Nese caso, si".

E tamén nos espazos de lecer, igual ca no instituto República Oriental do Uruguai. 400 alumnos. Pero aquí entre clases non se ve móbil ningún polos corredores. Outra cousa é o recreo.

"As catro horas e media ou cinco diarias non chas quita ninguén co teléfono, a calquera persoa", recoñece unha alumna de bacharelato.

"Podo dicir que, en comparación coa xente da miña idade, non teño unha gran dependencia do móbil", engade un alumno.

Aquí vixían moito que non graven vídeos para as redes sociais particulares dentro do centro. E vanse facer con tecnoloxía para combater tecnoloxía.

"Temos pensado mercar detectores pola culpa do uso inapropiado de móbiles, sobre todo nos exames, pinganillos...", anuncia a directora.

Cada centro decide sobre os móbiles, non coma en Francia, onde levan un ano prohibidos por lei nos institutos. 

"Pensamos que as prohibicións non teñen moito percorrido. As tecnoloxías acabaranse impoñendo", opina o director do IES de Teis.

Trátase, din, de non demonizar estas tecnoloxías e de educar para saber empregalas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019