CRTVG

Buscar

Cada ano diagnostícanse máis de 33.000 novos casos de cancro de mama

Publicado o 18/10/2019 13:54

É o tumor máis frecuente nas mulleres occidentais, con máis de 33.000 novos casos diagnosticados cada ano. De feito, unha de cada oito mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida.

Silvia Antolín, oncóloga na Unidade de mama do CHUAC, explica que é importante a prevención. E, por suposto, manter un estilo de vida saudable. Son algúns dos consellos que os expertos queren lembrar con motivo do Día Internacional do Cancro de Mama, que se celebra cada 19 de outubro. Unha data para concienciar e tamén para resaltar as cifras positivas. Como a taxa de supervivencia, que é cada vez maior.

Actualmente supera o noventa por cento a un prazo de cinco anos, explica a doutora Silvia Antolín. Algo que se debe, segundo os oncólogos, á diagnose precoz e á mellora nos tratamentos.

Máis de 6.000 mulleres faleceron en España este ano por cancro de mama. E ademais produciuse un aumento de casos en mulleres novas. A prevención e a investigación son, segundo os oncólogos, a clave para facerlle fronte a esta enfermidade.

Noticias web

18/10/2019