CRTVG

Buscar

Cabodano da traxedia do Orzán, con catro afogados

Publicado o 27/01/2020 12:16

Hoxe fai oito anos da traxedia do Orzán. Naquela madrugada a forte ondada que azoutaba a costa coruñesa arrebatou as vidas dun mozo de nacionalidade eslovaca, Tomas Velicky, de 23 anos, e de tres policías que acudiron na súa axuda: José Antonio  Villamor, de 34 e natural de Friol; Rodrigo Maseda, un burelense de 35 anos, e Javier López, de 38 e veciño da Coruña. 

Ese día as autoridades activaran a alerta laranxa por ondas de ata cinco metros. Pero un grupo de mozos eslovacos, entre os que se atopaba o falecido, baixaron á praia despois dunha noite de festa para celebrar o final dos exames. Tomas achegouse a auga e un golpe de mar levouno. Dous policías, José Antonio e Rodrigo, estaban na zona vestidos de paisano, minutos antes axudaran a un militar francés que se estaba bañando. Tentaron o rescate en balde. A secuencia de golpes de mar devolveu a terra ao mozo eslovaco e volveuno levar. Con el fóronse os dous axentes e a un compañeiro que lles acudiu. Xa non volveron ser vistos con vida. De inmediato montouse un amplo operativo de rescate por mar, terra e aire, sen resultado. Foi o océano o que devolveu sobre as nove da mañá o corpo de Javier López, fronte ao Millenium.

Houbo que esperar seis días, ata o 2 de febreiro, para que o mar deixase saír das súas profundidades os cadáveres de José Villamor e Rodrigo Maseda na mesma enseada do Orzán. Case un mes despois da traxedia aparecía o corpo do estudante eslovaco. Os compañeiros lémbranse hoxe deles nas redes sociais e este monumento fai que perduren na nosa memoria pola a súa valentía. Desde fai oito anos Javier, José Antonio e Rodrigo son os heroes do Orzán.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/01/2020