CRTVG

Buscar

Cabo de Cruz buscará esta fin de semana o ascenso á liga Euskotren

Publicado o 16/09/2021 20:02

Último adestramento en Cabo de Cruz antes da cita máis importante do ano. Levan meses preparándose para este momento. Cabo pelexará esta fin de semana por unha praza na liga Euskotren. Outros tres equipos vascos compiten co mesmo obxectivo. As galegas, campioas da liga por segundo ano consecutivo, van por todas, como di o seu adestrador Javi Lago: "Están ilusionadas. Elas aspiran ao máximo. Gañamos a liga galega e non lles chega. Son moi competitivas. Non son profesionais pero compórtanse como se o fosen." Así o recoñece tamén a remeira Vanessa Barcala: "Temos as ganas, temos a resistencia. Falta a explosividade dos dous longos. Pero traballámolo este verán. Podemos facelo".

Coa liga xa case no peto, o equipo afrouxou lixeiramente para centrarse na preparación desa explosividade. Teñen claro que ese é un factor que pode deixalas sen opcións. "Ao final é como se pos a Usain Bolt a facer un maratón. Nós estamos afeitas á resistencia, e a explosividade cústanos", sinala Antía Deira

A primeira cita, este sábado pola tarde en Bermeo. Poñan a G2, que aí estarán elas, pelexando coas mellores. "As rivais son fortes. Pero se son superiores, que o demostren no mar. Nós somos galegas e imos ir por todas", lembra Javi Lago.

Noticias web

16/09/2021