CRTVG

Buscar

Caballero volve retar a Formoso a un debate para confrontar proxectos

Publicado o 24/10/2021 15:13

A unha semana para que se celebren as primarias no PSdeG os dous candidatos seguen a manter encontros coa militancia. Gonzalo Caballero defendeu o seu modelo de partido como "o gañador" e volveu retar o seu rival a un debate para confrontar ideas. Pola súa banda, González Formoso defendeu un proxecto "de cambio" fronte ao "da resignación".

A loita política por liderar o PSdeG entra na súa recta final. Os dous candidatos continúan a confrontar os seus modelos de partido ante a militancia.
O seu actual secretario xeral e candidato ás primarias mantivo este domingo un encontro coas bases en Negreira. Gonzalo Caballero volveu retar o seu rival a un debate para confrontar os seus proxectos.

"En democracia, en primarias hai de que debater, hai que contrastar as propostas, eu teño un proxecto de esquerdas, galeguista, un proxecto para gañar dentro e para gañar fóra, un proxecto que desperta a paixón, o compromiso de tantos militantes. O outro candidato ten que afrontar os debates electorais, deixar de escapar dos debates porque así fortalecemos a democracia e elixiremos o mellor PSdeG para a Galicia que queremos", asegurou Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG e candidato ás primarias.

O seu contrincante nas primarias mantiña este domingo unha reunión coa militancia en Vilagarcía de Arousa. Valentín González Formoso volveu defender o seu proxecto como o da "ilusión" e "o cambio", dixo, fronte ao "conformismo e a resignación" dun PSdeG que está no "furgón de cola".
"Considerar que Galicia está adscrito ideoloxicamente ao Partido Popular creo que é unha resignación que non compartimos milleiros de compañeiros e compañeiras, creo que é unha reflexión desmotivadora, desmoralizadora non só para o Partido Socialista de Galicia senón para unha Galicia que demanda un PSdeG forte como alternativa clara a Núñez Feijóo", dixo Valentín González Formoso, candidato ás primarias do PSdeG.

Noticias web

24/10/2021