CRTVG

Buscar

Caballero volve eludir as tensións internas do PSdeG: "Preocupan en certos ámbitos, pero non á cidadanía"

Publicado o 23/08/2021 15:37

O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, Gonzalo Caballero, reivindicou este luns o seu traballo para facer deste partido unha formación "útil" para Galicia, e volveu a eludir pronunciarse sobre as tensións internas, que "non preocupan á cidadanía", desatadas tras as manifestacións do responsable de organización, Juan Antonio Quiroga, que publicou un artigo criticando supostos movementos contra o actual líder dos socialistas galegos por parte do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do exsecretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro.

A preguntas dos medios durante un acto en Vigo, Gonzalo Caballero mantivo a liña de declaracións dos últimos días, e insistiu en que a súa "preocupación" está enfocada na situación da sanidade pública, da educación ou a reactivación socioeconómica no contexto de pandemia. "A prioridade do secretario xeral do PSdeG é o que lle preocupa aos galegos (...) e a iso vou dedicar os meus esforzos e as miñas declaracións", reiterou.

Ao preguntarlle sobre a cohesión no seo interno do PSdeG, Gonzalo Caballero puxo en valor o seu "traballo" para ter "o mellor socialismo, que sexa útil aos galegos e galegas" e para contribuír ao fortalecemento dos servizos públicos e a modernización do país. "Levo 4 anos construíndo un partido que sexa útil a Galicia. A miña paixón e o meu compromiso é servir aos galegos e galegas, e non vou despistar a miña atención daquilo que lles preocupa aos cidadáns", sentenciou.

Lembrou que o seu partido puxo sobre a mesa numerosas medidas para, entre outras cuestións, fortalecer a sanidade pública, e sinalou que, cando fala cos cidadáns nos seus percorridos polas rúas dos municipios galegos, estes "din que o problema é a sanidade". "Ninguén me fala doutras cuestións, que preocupan en certos ámbitos, pero non á cidadanía galega", abundou.

Noticias web

23/08/2021