CRTVG

Buscar

Caballero ve "antidemocrático" que o PP esixa a dimisión de Villarino

Publicado o 26/04/2021 13:03

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considera "antidemocrático" que o PPdeG esixa a dimisión do portavoz municipal dos socialistas en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, como condición para chegar a un acordo que permita relevar da Alcaldía da cidade a Gonzalo Pérez Jácome.

Nunha conferencia de prensa, cualifica de "gravísimo" este posicionamento dos populares ao tentar "retirar da vida política a persoa que gañou as eleccións, e que o fagan sen ningún tipo de rubor nin de respecto ás normas democráticas".

"Tentar expulsar a quen ten ideas distintas da política porque gañou as eleccións é un tic antidemocrático do PPdeG ao que non nos podemos afacer", asegura.

Apoio a Villarino

O líder do PSdeG bríndalle o seu apoio a Villarino ante o que cualifica de "campañas promovidas" polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, coa conivencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Segundo Caballero, o PPdeG "pensa que todas as institucións de Galicia son da súa propiedade" e censura os seus ataques "a quen conta co apoio maioritario da cidadanía en Ourense", por entender que "rompe a norma de convivencia dun sistema democrático no que hai que respectar o adversario".

Por este motivo, demanda unha rectificación de Núñez Feijóo e insta ao PP a elixir entre "o caos ou o interese da cidade". "O PP prefire manter o caos con Jácome, pero non o quere recoñecer, e a condición que pon para escusarse é un atentado contra as normas democráticas", conclúe.

O Partido Popular, pola súa banda, mantén a súa oferta de pactar co PSdeG un goberno de coalición na cidade de Ourense. A reunión de populares e socialistas debería producirse este próximo venres.