Caballero reivindica o "progresismo" e Formoso quere "reconectar coa sociedade galega"
No PSdeG os candidatos ás primarias continúan este domingo cos seus actos e reunións coa militancia. Valentín González Formoso asegura que o proxecto actual do PSdeG "non conecta coa sociedade galega" e que a militancia pide unha "revolución" dentro do partido. Pola súa banda, Gonzalo Caballero reivindica o traballo realizado no partido nos últimos catro anos. Di que o seu é un "proxecto de esquerdas" que foxe, segundo as súas palabras, do "pasteleo" con Feijóo.
"Quero un PSdeG galeguista, feminista, ecoloxista e, por suposto, de esquerdas, un PSdeG que non sexa manexado por ninguén. Eu respecto a outra candidatura coordinada por Lage Tuñas pero creo que o PSdeG ten que seguir avanzando pola esquerda, polo progresismo e coa militancia e non indo a modelos máis conservadores", subliña Gonzalo Caballero, secretario xeral do partido.
Para o candidato Valentín González Formoso, "os éxitos do partido popular son precisamente porque o PSdeG non está a conectar coa sociedade galega, o que provoca a dereitización da política galega, estamos convencidos de que temos que reconectar coa sociedade galega para evitar que as políticas de dereitas se implanten en Galicia porque a sociedade galega nos coloque en terceiro lugar nos comicios autonómicos, non".