Caballero reclama en Valdeorras compromiso e unha aposta polo hospital comarcal
O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, pídelle á Xunta que aposte e se comprometa co hospital comarcal de Valdeorras. Fíxoo sumándose á concentración que se celebrou ás portas do centro e coa que os profesionais e veciños reclaman recuperar os servizos que o distrito sanitario foi perdendo nos últimos anos. Caballero di que o centro é un referente para unha bisbarra cunhas necesidades específicas derivadas da súa situación territorial.
"Que todos os cidadáns teñan os mesmos dereitos, os mesmos servizos públicos. Valdeorras existe, é necesario que a Xunta faga unha aposta por Valdeorras garantindo os servizos sanitarios en pé de igualdade e de primeiro nivel para o conxunto dos seus veciños e veciñas", dixo Caballero.